xoves, 12 de novembro de 2026

CATRO TRISCOS POÉTICOS PARA RECITAR EN GALEGO

Os versos tamén teñen ás!

E se hoxe lle famos voz á poesía galega?

No taboleiro do EDLG, no vestíbulo, agárdante catro pequenos fragmentos de poemas de Álvaro Cunqueiro, Noriega Varela, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra.

Achégate, escolle o teu favorito e atrávete a recitalo!

Unha pequena invitación a descubrir, lembrar e gozar da nosa lingua a través da poesía.

martes, 3 de novembro de 2026

GPA: Galego Para Adolescentes



Mentras se celebraba o magosto para o alumnado de 1º da ESO na tarde do luns 2 de novembro, os seus compañeiros e compañeiras de 2º e 3º da ESO gozaron de sendos monólogos do programa G.P.A. (Galego Para Adolescentes), protagonizados polo actor e contacontos Avelino González. A actividade foi organizada polo EDLG.

A través do humor, da narración e da interacción co público, Avelino González achegou o galego á realidade cotiá da mocidade, nunha proposta pensada para fomentar o uso da nosa lingua entre os adolescentes e mostrar que o galego tamén é unha lingua para rir, comunicarse, crear e gozar.

Unha xornada de outono, na que tradición, diversión e lingua galega se deron a man para celebrar a nosa cultura no instituto.

Tarde de MAGOSTO

O alumnado de 1º da ESO celebrou o seu tradicional magosto na tarde do 2 de novembro, unha das festas máis arraigadas da nosa cultura popular. A xornada incluíu unha degustación de castañas asadas na cafetería do centro e unha sesión de xogos tradicionais a cargo de Xotramu.

A través dos xogos populares, o alumnado puido recuperar e experimentar formas de lecer propias da nosa tradición, descubrindo que estes xogos son tamén unha parte importante do patrimonio cultural galego e unha maneira de compartir, cooperar e divertirse.

Esta actividade foi organizada polo Departamento de Actividades Extraescolares e Complementarias e o EDLG.



martes, 9 de xuño de 2026

Así falamos nosoutras

 Mógaros, margotas, ariegos, lampo, raño de dous dentes, ladrairos, leiteirios, mochenos, soédrego, lámparo, pelouro, escutrulido, ceboleada, felgos, feligras...E o golpe, o animal máis antigo do país, que coñece profundamente a nosa fala, que dicía Cunqueiro.

Estas son unhas das poucas das palabras que o alumnado de 1º de Bacharelato recolleu nesta primavera. Da casa, das amigas, dos parentes, da infancia, dos docentes do instituto ou da orella ben posta no sitio certo da comarca da Mariña foron parar a un dos taboleiros do centro, coa colaboración do EDLG, para que calquera poida abrir os sobres que as conteñen e ler a súa definición escrita polo alumnado.






martes, 26 de maio de 2026

O PRACER DE LER, de Andrea Maceiras

Desde o equipo de Biblioteca e o EDLG do IES Marqués de Sargadelos queremos recomendar unha lectura moi especial: O pracer de ler, da escritora galega Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras é unha das voces máis destacadas da literatura xuvenil galega actual. Nas súas obras aborda temas moi próximos á adolescencia, como a identidade, as emocións, as relacións persoais ou a importancia de atopar o propio lugar no mundo. En O pracer de ler, a autora reflexiona sobre o valor da lectura e sobre como os libros poden axudarnos a comprender mellor a realidade, acompañarnos nos momentos difíciles e abrirnos novas maneiras de pensar e sentir.

Trátase dunha lectura amena, sensible e moi próxima ao alumnado da ESO, ideal para descubrir que ler no é só unha actividade escolar, senón tamén unha fonte de emoción, aventura e crecemento persoal.

Un libro moi recomendable para seguir fomentando o gusto pola lectura en galego.

xoves, 21 de maio de 2026

CORRELINGUA

Ribadeo converteuse o mércores 20 de maio nun gran espazo de celebración da lingua galega coa nova edición do Correlingua.

Nesta xornada festiva e reivindicativa participou tamén o alumnado de 1º de ESO do noso centro, compatindo unha experiencia chea de música, convivencia e compromiso co galego.

O Correlingua é unha iniciativa educativa e lúdica que promove o uso da nosa lingua entre a mocidade, reunindo cada ano milleiros de estudantes arredor da defensa e celebración do galego. 

Esta actividade foi organizada polo EDLG do centro.



luns, 18 de maio de 2026

Taboleiro sobre BEGOÑA CAAMAÑO

                                                          "Naceu en outubro de 1964"

                                                       "Miraba o mundo de xeito diferente"

"De nena xogaba ao aire libre no patio"
"Defendía as zonas verdes no seu barrio"
"Tivo unha nai que cada noite lle lía poesías"
"Era moi soñadora"
"A súa avoa Carmiña foi unha figura fundamental"
"Reescribiu os mitos de xeito feminista"
"O seu legado é o compromiso e a liberdade"

Estes son algúns dos titulares que o alumnado do IES Marqués de Sargadelos quixo resaltar sobre a figura de Begoña Caamaño no maio das Letras Galegas, que encheron o taboleiro do EDLG, que impulsou a actividade no centro.