Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2025/2026. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Curso 2025/2026. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2026

Así falamos nosoutras

 Mógaros, margotas, ariegos, lampo, raño de dous dentes, ladrairos, leiteirios, mochenos, soédrego, lámparo, pelouro, escutrulido, ceboleada, felgos, feligras...E o golpe, o animal máis antigo do país, que coñece profundamente a nosa fala, que dicía Cunqueiro.

Estas son unhas das poucas das palabras que o alumnado de 1º de Bacharelato recolleu nesta primavera. Da casa, das amigas, dos parentes, da infancia, dos docentes do instituto ou da orella ben posta no sitio certo da comarca da Mariña foron parar a un dos taboleiros do centro, coa colaboración do EDLG, para que calquera poida abrir os sobres que as conteñen e ler a súa definición escrita polo alumnado.






martes, 26 de maio de 2026

O PRACER DE LER, de Andrea Maceiras

Desde o equipo de Biblioteca e o EDLG do IES Marqués de Sargadelos queremos recomendar unha lectura moi especial: O pracer de ler, da escritora galega Andrea Maceiras.

Andrea Maceiras é unha das voces máis destacadas da literatura xuvenil galega actual. Nas súas obras aborda temas moi próximos á adolescencia, como a identidade, as emocións, as relacións persoais ou a importancia de atopar o propio lugar no mundo. En O pracer de ler, a autora reflexiona sobre o valor da lectura e sobre como os libros poden axudarnos a comprender mellor a realidade, acompañarnos nos momentos difíciles e abrirnos novas maneiras de pensar e sentir.

Trátase dunha lectura amena, sensible e moi próxima ao alumnado da ESO, ideal para descubrir que ler no é só unha actividade escolar, senón tamén unha fonte de emoción, aventura e crecemento persoal.

Un libro moi recomendable para seguir fomentando o gusto pola lectura en galego.

xoves, 21 de maio de 2026

CORRELINGUA

Ribadeo converteuse o mércores 20 de maio nun gran espazo de celebración da lingua galega coa nova edición do Correlingua.

Nesta xornada festiva e reivindicativa participou tamén o alumnado de 1º de ESO do noso centro, compatindo unha experiencia chea de música, convivencia e compromiso co galego.

O Correlingua é unha iniciativa educativa e lúdica que promove o uso da nosa lingua entre a mocidade, reunindo cada ano milleiros de estudantes arredor da defensa e celebración do galego. 

Esta actividade foi organizada polo EDLG do centro.



luns, 18 de maio de 2026

Taboleiro sobre BEGOÑA CAAMAÑO

                                                          "Naceu en outubro de 1964"

                                                       "Miraba o mundo de xeito diferente"

"De nena xogaba ao aire libre no patio"
"Defendía as zonas verdes no seu barrio"
"Tivo unha nai que cada noite lle lía poesías"
"Era moi soñadora"
"A súa avoa Carmiña foi unha figura fundamental"
"Reescribiu os mitos de xeito feminista"
"O seu legado é o compromiso e a liberdade"

Estes son algúns dos titulares que o alumnado do IES Marqués de Sargadelos quixo resaltar sobre a figura de Begoña Caamaño no maio das Letras Galegas, que encheron o taboleiro do EDLG, que impulsou a actividade no centro.

venres, 15 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

                                        

No IES Marqués de Sargadelos unímonos á celebración do Día das Letras Galegas lembrando a figura de Begoña Caamaño (1964-2014), escritora, xornalista e referente do feminismo galego contemporáneo.

A través da súa obra e do seu compromiso coa lingua e a cultura galega, Begoña Caamaño deixou unha fonda pegada na literatura do noso país, dando voz ás mulleres desde unha mirada crítica, libre e comprometida.

Nesta data tan especial queremos reivindicar a importancia de seguir coidando e transmitindo o galego, patrimonio vivo que nos identifica como pobo.

Ler, crear e vivir en galego é tamén unha forma de manter viva a nosa cultura.

Nesta ligazón podes consultar información sobre Begoña Caamaño


martes, 12 de maio de 2026

Música e baile tradicional polas LETRAS GALEGAS

                                          

Comezamos a semana das Letras Galegas!

Na tarde do luns 11 de maio o patio dianteiro encheuse de música, baile e tradición galega coa actuación de A Rebolaxe de San Cibrao e Mistura de Lieiro.

Alumnado do centro participou vestido co traxe tradicional galego, cantando, bailando e tocando a pandeireta, facendo desta xornada unha celebración moi especial da nosa cultura.

Esta actividade foi organizada polo EDLG para festexar as Letras Galegas e seguir mantendo viva a nosa tradición.

Moitas grazas a ambas asociacións pola súa presenza, colaboración e por compartir connosco a música da nosa terra.








xoves, 16 de abril de 2026

AVES DE PASO



O EDLG do noso centro presenta unha exposición sobre as aves de paso.

Está situada  no seu taboleiro da entrada do instituto, onde poderás coñecer 13 aves migratorias que pasan por Galicia, os diferentes nomes que reciben en galego, o seu nome científico e tamén refráns e coplas da nosa tradición.

Unha proposta para achegarse á lingua e á cultura dun xeito sinxelo e interesante.

Pasa, le e descobre!

martes, 17 de marzo de 2026

Premios Concurso de logos do EDLG

Hoxe fixemos entrega dos premios do Concurso de Logos do EDLG do IES Marqués de Sargadelos convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística.

Parabéns a María Roza, Iria Baltar e Irea Río polo seu gran traballo!

As tres recibiron unha camiseta co logo gañador e un cheque para gastar en libraría.

Grazas a todo o alumnado participante pola súa creatividade e implicación!



martes, 10 de marzo de 2026

VIDEOXOGOS EN GALEGO

No taboleiro da EDLG presentamos unha pequena campaña informativa sobre videoxogos dispoñibles en galego. Unha mostra para descubrir que tamén se pode xogar, explorar mundos e vivir aventuras na nosa lingua.

Nesta exposicón poderás coñecer algúns títulos, proxectos e iniciativas que apostan polo galego no ámbito dos videoxogos.

Descubre novas formas de xogar en galego!

venres, 6 de marzo de 2026

Premios concurso de disfraces Entroido

 Do Entroido... aos saltos!

Este xoves 5 de marzo, o alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato do noso centro, premiados nos concursos Tes Talento e Entroido gozou do seu merecido premio cunha xornada chea de adrenalina no centro de lecer Xjump de Avilés.

Risas, acrobacias e moita enerxía para celebrar a creatividade, o traballo en equipo e o espírito festeiro que demostraron.

Así dá gusto celebrar o Entroido!


venres, 13 de febreiro de 2026

Concurso de Disfraces ENTROIDO 2026

O venres 13 de febreiro o instituto encheuse de cor, creatividade e moito humor no Concurso de Disfraces de Entroido, organizado polo Departamento de Activades Extraescolares e Complementarias e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

Viviuse con moita risa, humor e moita imaxinación.
Aquí temos algunha das fotos da xornada e as persoas premiadas:

PREMIOS:
Categoría grupo:
1º premio: Ma-duro (4º ESO)
2º premio: Compañía do café: o final (2º bach)

Categoría parella/individual:
1º premio: Jack Sparrow (Lucía e Divane 4º ESO)
2º premio: King África (Irea e Clara 3º ESO)

Grazas a todo o alumnado por participar e poñerlle tanto ritmo ao instituto.











Chocolatada de ENTROIDO

 


Este venres 13 de febreiro, o alumnado do centro gozou da tradicional Chocolatada de Entroido na cafetería do instituto.
Un doce inicio para unha xornada chea de risas, cores e creatividade, como antesala do esperado Concurso de Disfraces.
Así dá gusto celebrar o Entroido!





RECEITAS DE ENTROIDO

 O Entroido tamén sabe a tradición!

O alumnado de 1º  e 2º da ESO, coa colaboración das súas familias, gravou diferentes recetas de sobremesas tradicionais do Entroido para recuperar e compartir os sabores máis doces da nosa contorna.
Unha actividade para poñer en valor as receitas de sempre, transmitidas de xeración en xeración. e gozar da cociña en familia.
Foi actividade organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística do IES Marqués de Sargadelos.




martes, 10 de febreiro de 2026

Concurso de logos do EDLG

 Congratúlanos informar a toda a comunidade educativa de que xa temos o logo para o noso EDLG:

Queremos expresar o noso agradecemento ao alumnado que participou no concurso. O noso desexo é que desfrutásedes indeando e elaborando a imaxe que vai representar ao EDLG do instituto, tanto ou máis do que os membros do xurado o fixemos observando e debatendo sobre os vosos traballos.

Como sabedes, o 1º premio consiste nun vale de 80 euros e e unha camiseta co logo gañador, e o 2º premio é un vale de 30 euros e unha camiseta. Ademais, como sorpresa, o xurado decidiu dar unha Mención de Honra que terá como premio un vale de 20 euros.

Todos os vales trocaranse por produtos á venda da libraría Nobel de Burela.



luns, 26 de xaneiro de 2026

Contacontos bilingüe inglés/galego

 Na biblioteca do noso IES vivimos unhas sesións moi especiais: contacontos bilingüe en galego e inglés dirixido ao alumnado de 2º e 3º da ESO. Foi organizado polo Departamento de Inglés e o EDLG.

Da man de Charo Pita e Sofia Maul (nativa de lingua inglesa), as historias foron fluíndo entre dúas linguas, enchendo o espazo de imaxinación, curiosidade e moitas ganas de escoitar. Unha experiencia que demostra que os contos non entenden de fronteiras e que aprender linguas tamén pode ser pura maxia.

Grazas por esta viaxe chea de palabras, voces e emocións.












venres, 23 de xaneiro de 2026

Presentación Cartaz Concurso de disfraces de Entroido

 


O vindeiro venres 13 de febreiro, a partir das 12:50 h, celebrarase no Ximnasio do IES Marqués de Sargadelos o Concurso de disfraces de Entroido, dirixido a todo o alumnado do centro.
Co gallo desta actividade, preséntase o cartel oficial do concurso, no que se recollen de forma detallada as bases de participación. O alumnado poderá participar de maneira individual/parella ou en grupo, e haberá a posibilidade de realizar unha breve actuación como parte da posta en escea.
Esta actividade enmárcase dentro da programación de actividades extraescolares de Entroido, organizadas polo Centro e o Equipo de Dinamización Lingüística, co obxectivo de fomentar a creatividade, a convivencia e a participación do alumnado na vida do centro.
Invítase a todo o alumnado a partticipar nesta iniciativa lúdica e cultural.