mércores, 1 de decembro de 2021

Asistimos hoxe a unha representación teatral da actriz de Celeiro de Mariñaos, Estíbaliz Veiga. “Serramoura”, “Pazo de familia”, “Os mortos van á présa”, “Efectos secundarios” ou “Avenida de América” son só algunhas das series ou películas que a identifican. Estupenda actriz, que ademais é de Barreiros. Hoxe interpretounos unha peza teatral que enmarcamos dentro do noso Plan Proxecta “365 días en igualdade”. A actriz encarna a Pamela nunha obra chea de mensaxes e reivindicacións que se transmiten a través dunha muller que sofre violencia machista. Un feito real que vai contando a propia protagonista para que o público poida concienciarse da súa situación e do seu problema. Esa violencia que non só está nos golpes senón tamén no comportamento diario, no trato infame, na convivencia, na desigualdade, nas diferenzas tan marcadas polo xénero. Unha representación que ten como meta educar en igualdade e conseguir que as novas xeracións constrúan unha sociedade futura máis igualitaria que a que temos hoxe. O noso agradecemento ao director Xosé Leis, ao produtor Bernardino Martínez e á propia actriz que tan ben representa as inxustas experiencias das mulleres mal tratadas.

EDUCANDO EN IGUALDADE DE XÉNERO DENDE A NOSA LINGUA.

PLAN PROXECTA. 365 DÍAS EN IGUALDADE. INTERPRETACIÓN DA OBRA TEATRAL "Golpes". A CARGO DE ESTÍBALIZ VEIGA.

PARA O NOSO ALUMNADO DE 3º ESO - 4º ESO - 1º DE BACHARELATO E FP BÁSICA.





Ningún comentario:

Publicar un comentario